
Achégase un novo 25 de Xullo, Día da Patria Galega, reivindicado así polo nacionalismo galego mais non recoñecido oficialmente, xa que, cando menos a nivel institucional, semella que aínda permanece en vigor o Decreto Rosón, da época dos albores autonómicos, polo que se instituía como denominación para esta data a de “Día Nacional de Galicia”. Denominación que sempre foi de agrado do PSOE, mentres que o PP resolveu acurtala para que ficase en “Día de Galicia”. Como quedou dito, o nacionalismo apostou pola denominación “Día da Patria Galega” ou simplemente “Día da Patria”.
Nacionalismo e Día da Patria
Para o nacionalismo a data do 25 de Xullo, máis alá do seu carácter simbólico e reivindicativo, vén servindo como punto de inflexión -e reflexión- sobre a acción política desenvolvida, dada a súa coincidencia co período estival. De feito, parecen inescusábeis no comportamento das organizacións nacionalistas do ámbito político tanto a celebración dunha mobilización de masas (nomeadamente, manifestación) como a elaboración dun discurso público (normalmente, en ton de arenga).
Dúas manifestacións nacionalistas
Este ano van ser dúas as manifestacións que percorran as rúas compostelás na mañá do 25 de Xullo. A tradicional mobilización convocada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), que este ano se celebra co lema “A Forza que fai País”. Pode parecer estraño que este ano o BNG optase por un lema tan autorreferencial para a celebración dunha data como a do Día da Patria, mais hai que entendelo sen dúbida en clave electoral (dentro duns meses van ter lugar as eleccións xerais). Unha vez máis, a dirección do BNG acomódase ao pragmatismo das urnas e relega avivecer as reivindicacións de carácter identitario e soberanista, o que aínda resulta máis incomprensíbel tras o fracaso da reforma estatutaria que o BNG impulsou institucionalmente.
A segunda das manifestacións do Día da Patria está promovida polo nacente colectivo “Causa Galiza” baixo o escueto lema de “Autodeterminación” e apoiada por organizacións de reducida relevancia política e social como a Frente Popular Galega, Nós-Unidade Popular ou a Assemblea da Mocidade Independentista. Todo semella que, tras as experiencias dos últimos anos, en que fixeron convocatorias por separado (con escaso eco e unha participación de xente máis que discreta), as organizacións do arco independentista se ven impelidas a impulsar unha nova mobilización unitaria do Día da Patria. Mobilización que, de todos os xeitos, lembra a promovida no seu día polas chamadas “Bases Democráticas Galegas”, proxecto que pretendía ser punto de encontro das devanditas organizacións e que finalmente se frustrou, por mor da incapacidade dos seus actores políticos de termaren dunha proposta común no ámbito da esquerda independentista.
Movementos internos no BNG
Tras unha a Asemblea Nacional realizada por esta forza política, en decembro de 2006, o BNG celebra o Día da Patria de de 2007 nun momento en que se están a configurar no seu seo novas organizacións e colectivos, dentro da pluridade que sempre distinguiu á fronte nacionalista.
E é precisamente o cuestionamento que nos últimos tempos se vén facendo da pluridade interna do BNG, por parte do actual núcleo de poder da organización (conformado pola -ás veces sólida, ás veces inestábel- alianza da UPG coa non declarada corrente que impulsa o portavoz nacional Anxo Quintana), un dos aspectos que vén obrigando a diversas persoas e sectores do BNG a dotarse dunha certa estrutura interna dentro da propia organización, co fin de dar un debate aberto acerca do rumbo político da fronte nacionalista.
Beiras e os Irmandiños
Os que parecen ir apurando os pasos para conformárense en colectivo organizado, con actuación propia, son os do “Encontro Irmandiño”, corrente que se deu a coñecer nos previos á Asemblea Nacional do BNG e que ten como elemento de referencia ao ex portavoz nacional da organización, Xosé Manuel Beiras. O “Encontro Irmandiño”, que conseguira un apoio de case un 20% na Asemblea Nacional do pasado mes de decembro, anunciou o pasado sábado 21 de xullo a súa constitución como grupo organizado. O que resulta bastante inédito deste anuncio é que optasen por unha fórmula de integración de militantes no colectivo que permita aos seus membros formaren parte ou non do BNG. Así e todo, é ben lembrar que houbo grupos integrados na fronte nacionalista con membros que non eran afiliados desta (o exemplo máis diáfano foi o caso de Inzar, colectivo formado por ex membros do Movemento Comunista).
Pola Base en proceso constituínte
Doutra banda, e con gran discreción, están a producirse os debates para a configuración como colectivo do Movemento pola Base, outro dos grupos que aparecera con forza na última das asembleas nacionais do BNG, que presentara unha lista ao Consello Nacional encabezada polo sindicalista Fermín Paz, e estaba apoiada por Isca!, colectivo de ámbito xuvenil. Con todo, non se coñece a data na que finalmente o devandito colectivo se constitúa como tal.
A acomodación d'A Alternativa
O que semella que non vai callar, cando menos a curto prazo, como colectivo organizado, é o impulsado no seu día polo ex deputado Camilo Nogueira, arroupado por Esquerda Nacionalista, un dos grupos xa recoñecidos oficialmente no seo do BNG. A chamada “A Alternativa”, que lograra uns resultados discretos en canto a representación, na Asemblea do BNG semella estar máis preocupada en acomodarse á nova situación da fronte que en consolidar a vía aberta con anterioridade.
Dificultades en Causa GZ
Polo que respecta aos convocantes da outra das manifestacións nacionalistas do Día da Patria, xa se comeza a enxergar o difícil que vai ter a súa andaina Causa Galiza, e todos os que están a depositar as súas esperanzas nese proxecto en vías de conformación, cando unha das organizacións políticas que lle dera o seu apoio inicial, Primeira Linha (que integra Nós-Unidade Popular) acaba de lanzar un envite público aos promotores desta iniciativa política, instándoos con certa acritude a variar o rumbo iniciado: “após o Verao nom seguiremos [Primeira Linha] se nom se produz umha mudança profunda na hora de orientar a luita autodeterminista e facilitar a convivência do ronsel de pessoas e entidades que coincidimos plenamente na necessidade de que a Galiza tenha direito a decidir”. Todo un órdago que vai empecer, e moito, o camiño emprendido polos que confían no que parece ser unha nova “reinvención” do espazo político do independentismo no noso país.